Volvo pola Feira para a presentación do
libro de Xurxo, que falou moito e ben e até nos botou algunha peza. Sofía/Teruka, a neta de Felicísima, guíanos na cerimonia da transmutación do chapapote en licor-café, repartíndoo logo entre os asistentes en comuñón feliz e laica. O Xurxo é un narrador fantástico e impetuoso, dos que cren no poder transformador da palabra; un home cheo de optimismo alegre e bravo, dono dunha prosa que soa con ledicia a festa e tasca, a emoción e a humanidade, argumentos sen os cales non pode haber xamais (boa) literatura. O Xurxo pregúntame polas
plaquetas do Discovery e polos
décimos planetas que aparecen todos os veráns. Iso faime pensar en que unha vez lle escoitei dicir a unha poetisa televisiva que Mercurio era
a planeta mais pequena do sistema solar. Plutón, polo que parece, non é un planeta, senón un filósofo.
Secuestrada por Xurxo participa na presentación a estupenda Rosa Aneiros; parafraseando a
ascárida e a
María, se non o digo estouro: Guapa!!!. A ocasión permíteme tamén coñecer ao admirado
brétemas, con quen fica pendente café e conversa. Paso despois pola mesa onde Ramona Maneiro asina exemplares do seu libro
Querido Ramón, que miña nai, que le pouco, devorou hai meses con rapidez. Razón esta mais que suficiente para estarlle moi agradecido á Ramona, unha muller fenomenal.
Acabo a noite de cháchara e cervexas con
María e
Pereiro, a quen até onte tampouco coñecía. Pereiro é un tipo extraordinario, listísimo e irónico; un home incribelmente divertido e cheo de experiencias a quen un pode escoitar horas e horas, escachando de risa grazas á súa mordacidade intelixente. Isto é unha arroutada de
amiguismo, seino, pero é o que temos os mediocres, que nos cae ben a xente.
E permanezan atentos á
casa dos aduaneiros, que están a piques de marcar un antes e un despois na historia da poesía galega.
¶