Definitivamente, o
Festival de Donostia empeza a moverse na boa dirección. Levo catro anos asistindo ao certame donostiarra, e até hoxe a decepción foi sempre a norma; decepción cinematográfica, por suposto, compensada de sobra pola satisfacción do reencontro coa xente amiga. Falaba hai uns días dos esperanzadores signos de cambio que parecía apuntar esta edición, primeiro polos valiosos ciclos -nomeadamente o de
Xapón en negro-, mais tamén pola presenza de títulos dos que levamos meses oíndo falar (aínda que non sempre para ben) en seccións coma
Horizontes latinos que polo usual teñen un perfil baixo. O
anuncio onte dos filmes que forman parte da sección Zabaltegi (
Perlas e
Especiales) confirma as boas expectativas e insinúa unha ilusionante ruptura co inmobilismo doutrora.
Xa dixeran o de
Vicky Cristina Barcelona, e podía sospeitar o de
Entre les murs, pois Lauren Cantet é un vello coñecido do festival. Coñecía o interese pola película de Kiyohsi Kurosawa desde que os asesores do Donostia Zinemaldia a viron en Cannes, mais alégrome de que a presenza de
Tokyo Sonata se confirme, igual que a de
Hunger, de Steve McQueen. A de Mike Leigh é
unha absoluta insensatez, mais está ben elixida, porque certamente é un filme que hai que ver (para crelo). Unha
comedia dos Coen protagonizada por George Clooney, Frances MacDormand, Tilda Swinton e Brad Pitt sempre vai resultar apetecíbel, e se algúns dos citados veñen presentala, mellor aínda. Era obrigado meteren
La Frontière de l'aube de Philippe Garrel xa que lle dedicaron retrospectiva o ano pasado, mais sorprende para ben que traian a máis recente longametraxe de Jia Zhang-ke,
24 City, ou
o novo de Olivier Assayas. E con Jonathan Demme presidindo o xurado, prestaremos especial atención aos seus filmes
Rachel Getting Married e
Neil Young Trunk Show, este último cun Neil Young que ocupará outro dos grandes momentos do Festival coa proxección dun documental dirixido por el,
CSNY Déjà Vu.
Vai ser un moi bo festival, esta vez si.
dos arquivos estranhos: Media ducia de razóns para ir ao Festival de Donostia.
¶