Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > A vida nova de Madame Bovary: Amarga victoria
> A vida nova de Madame Bovary: Amarga victoria <

Empezarei cunha obviedade: a obra que Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) leva publicada permítelle ocupar xa unha páxina destacada na historia da cultura galega. É o único autor, xunto a Inma López Silva (Santiago, 1978), en ter recibido os dous premios de novela mellor dotados do país, o Xerais -en 1992, con O infortunio da soidade-, e o Blanco Amor -con Ébora, no ano 2000, que foi ademais Premio Eixo Atlántico-. Non remata aí a listaxe de galardóns que acumula o escritor verinés: ten o Torrente Ballester (Un xogo de apócrifos), o García Barros (Talvez melancolía), o Vicente Risco de narrativa fantástica (A rosa de Borges) e outros máis no ámbito da poesía (o Celso Emilio Ferreiro, o Cidade de Ourense ou o Johán Carballeira). A súa obra coñece unha difusión que para si quixeran a maioría dos autores galegos, mais non por iso deixa Caneiro de sentirse ignorado polo sistema, mesmo maltratado, recompensado apenas polo entusiasmo dun bo número de devotísimos seguidores que agradecen e aplauden a rabiar os seus cada vez máis voluminosos libros.

Caneiro ía para clásico en vida, mais polo de agora queda en autor de culto, que non é pouco. Exerce de outsider e polemiza cos seus colegas de profesión, nomeadamente Santiago Jaureguizar -"un redactor de escasa lucidez e ínfimo talento", dixo del no seu blog-, mais tamén Manuel Rivas e Suso de Toro. Porén é moi xeneroso co xornal onde escribe, tanto na nosa lingua como nesa que din “común”, até dicir con infinita desmesura que “non hai ningunha institución, persoa ou grupo político que faga unha defensa máis tenaz deste país e dos seus intereses que La Voz de Galicia”. Aí asoma o Caneiro fiel, amigo dos seus amigos, afectuoso e cordial. O escritor bohemio e amante dos boleros, música esa que García Márquez colocou no límite que separa o sublime e o ridículo. Esa condición fronteiriza, que o Nobel colombiano aplicaba tamén a Cien años de soledad, valería, salvando as distancias, oceánicas neste caso, para cualificar a escrita de Xosé Carlos Caneiro, e en particular a súa obra máis recente, A vida nova de Madame Bovary, pois toda ela fica nalgún punto intermedio do camiño que leva da xenialidade ao desastre, e na práctica situala nun ou noutro extremo depende tan só do grao de "caneirofilia" do lector, que adorará o seu desatado lirismo ou escachará de risa ante tanto melindre pretensioso.

Nas primeiras páxinas de A vida nova de Madame Bovary, a protagonista, Hermelinda, foxe dunha vida triste e gris, sen paixón, xunto a un home que a engana e cun título de Doutora en Literatura Comparada pendurado da parede. É unha “idiota que pasou vinte anos postrada aos pés do seu marido”, sempre á espera de que “alguén escribise para ela un poema de amor”, frases estas que parecen sacadas dunha novela de Danielle Steel. Hermelinda coñece a Arístide Rocamora, “vendedor de alfombras e enciclopedias”, buscador tamén de seres na procura dun compás que os guíe e que acaban confluindo na pensión “O Gatopardo”, da que é patroa Aurorita, unha prostituta retirada, con “clase” e “cultura”.

Perdedores, noctámbulos e adictos ao amor crúzanse ao longo das setecentas páxinas dunha novela chea de referencias literarias que é Caneiro en estado puro, cunha prosa coidada que parece exixir máis un recitado que unha lectura, e desta volta quizá cun maior pouso de humor e optimismo. Unha nova demostración da coherencia estilística dun autor de quen non podemos negar que escribe moi ben iso que el quere escribir, e que no seu rexistro é imbatíbel: ninguén vai facer nunca de Caneiro mellor que Caneiro, igual que lle pasaba a Umbral, poñamos por caso. Que cada un decida logo se esta Vida nova é unha obra mestra ou un delirio romanticón; eu, se lles hei de ser sincero, atópome entre estes últimos.

(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 7, verán 2008). Descárgao de balde aquí.

2008-08-18, 00:19 | 25 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58981

Comentarios

1
De: mommsen Fecha: 2008-08-21 11:35

O único que queda claro é que vostede non comparte mesa e mantel co señor Caneiro.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-21 12:12

Non compartín até hoxe mesa e mantel nin con Caneiro, nin con Diego Ameixeiras, Xavier Queipo, Alberte Pagán, Teresa Moure, Luis Rei Núñez e Chelo Suárez, autores dos outros libros que me tocou reseñar para ProTexta.



3
De: Anónimo Fecha: 2008-08-21 14:26

é vostede un crítico honrado, non cabe dúbida



4
De: Anónimo Fecha: 2008-08-21 14:26

honesto, sería mellor dicir



5
De: mommsen Fecha: 2008-08-21 15:18

...Case mellor "reseñar".
Non é que non estea dacordo coa valoración que fai do libro de Caneiro ( refírome ó tercio final que, sendo xenerosos, mesmo podería aparecer nunha destas revistas de colexio nas que se foguean os estudantes de bacharelato...ProTexta quizáis?? ) senón co ton "político", por dicilo así.
Unha análise moi respetable que perde toda a súa lexitimidade cando non aparece na crítica do volume "Os libros arden mal" (bastante malo, por certo, e cheo diso que Rivas deu en chamar "lexemas de simpatía".Campo no que, como dixo Jose Luis Pardo nun recente artículo en El Pais, "nadie puede discutirle su jurisdicción").
Que tal, entón, unha crítica materialista do devandito volume? Falo de, por suposto, os rapports entre Rivas e o grupo Prisa ( Dios sabe que De Toro merecería outro artículo) que, como sabemos, pertence a Alfaguara.
Algo máis que "xeneroso co xornal onde escribe" ( e publica), penso eu que servil ou gregario serían neste caso os "lexemas de simpatía", foi Rivas cando despois do despido improcedente do crítico Ignacio Echevarría non foi quen de asinar unha carta de protesta ( os thirty-something que chama vostede, Guerín entre eles )de varias persoas vencelladas a El País. Algúns, entre eles, obxecto tamén de "críticas de destrucción masiva".
Para aqueles interesados no artículo de Jose Luis Pardo, publicouse no Babelia o 19 de Xullo deste ano.
Un saludo a Jaco el día de su cumpleaños.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-21 17:10

Ton político? Limiteime a poñer o autor en contexto. Por certo, nunca lle escoitei a Rivas dicir que o defunto Jesús de Polanco é a persoa que máis fixo por España. Despedimento improcedente o de Ignacio Echevarria? Difícil é marcar a liña que separa a "censura" do simple exercicio de "edición" (decidir o que se publica e o que non, e de que maneira). Na lista de abaixo-asinantes que se amosaron preocupados polo futuro da liberdade de expresión nese xornal aparecen moitos que seguen a publicar no xornal e na editorial da casa: vese que a liberdade de expresión non estaba tan en perigo.



7
De: mommsen Fecha: 2008-08-21 20:17

Fe de erratas: É Alfaguara a que pertence ó grupo Prisa.
Entón gustaríame que puxese en "contexto", se así o prefire, ó autor Rivas na publicación da súa última novela.
Tampouco eu lle escoitei o de Polanco.
Retrospectivamente a liña quedou bastante clara. Podes esnaquizar unha obra de Muñoz Molina que apareceu no Planeta e non a cursilada de turno de Alfaguara, neste caso do señor Atxaga.
Tiven a paciencia de ler o link LISTA DE ABAIXO-ASINANTES e é ben curioso. Sobre todo no momento no que di "también hacía amigos, se los presentaba a fulano y luego les daba premios". O cómico é que o amigo de marras é o magnífico Roberto Fogwill ( encantaríame ser editor, ter lectores en nómina como Echevarría e amañar premios con estes gañadores e ademáis, xa sabe,como los amigos de mis amigos son mis amigos, compartiría mesa e mantel con Fogwill ou con César Aira, que guay!!!) e os inxuriados son (agárrense!!!) Almudena Grandes, Muñoz Molina ( ó que o autor do blog se refire como " el próximo premio Nobel", ó mellor pensa que foi el quen escribiu Manolito Gafotas), García Sánchez, Skármeta...
Por suposto que os que asinaron a carta de protesta non tiñan intención de deixa-lo periódico ( sobre todo aqueles con muller e fillos ou con hobbies caros) pero tamén é certo que non ían sufrir ningún tipo de represalia por parte de Cebrián. Ninguén é tan tonto como para desfacerse de Ferlosio, por exemplo.
Polo tanto, sendo unha manifestación totalmente hixiénica, por amor al arte e sandunguera, o tema é que Rivas e De Toro foron suficientemente honestos consigo mesmos e non mostraron públicamente ningún tipo de preocupación polo despido do señor Echevarría. Cousa que Cebrián, como se ve, está tendo moi en conta.
Non sei se ten pensado facer a análise do último ensaio de Susote. De calqueira maneira sería bo que lese,para "contextualizalo" con propiedade, a inesquecible entrevista que lle fixeron no País o 9 de Novembro do ano pasado co titular seguiente "Sempre me sitúo nun lugar no que son incómodo para o poder".
Perdoe polo de guay. Son resabios da eso.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-21 21:11

O caso é que non vexo razón algunha pola cal "prescindir dun colaborador" deba ser motivo de escándalo. Posto que Ignacio Echevarría xa escribira antes críticas negativas de libros de Alfaguara, cabe pensar que o que molestou desta vez foi o ton da que lle dedicou a Atxaga, que, como ben sabe vostede, atinxe tamén a cuestións que non son literarias. Echeverría é moi libre de opinar o que lle pareza, e o medio que o acolle moi libre de prescindir dos seus servizos.



9
De: CLODO Fecha: 2008-08-21 21:56

Non me importa, para facer unha valoración literaria a ética dos negocios do señor Caneiro. Importame a obra.
No momento de emitir un xuizo son consciente do exito da chamada indiscerbibilidade da arte, é dicir, que aos argumentos para defender ou denostar unha obra nunca son tan sólidos como para aguantar a envestida dos seus contrarios. É certo que nas artes plásticas esto ten un grao de posibilidade bastatne elevado, pero non ocorre así coa literatura. Pero para apreciar unha obra literaria é imprescindibel o desenvolvimento dun discurso que evidencie o que comeza por ser un apuntamento ou unha intuizón. Esto precisa dun espazo, dunha analise, de cohesión e non libre de capacidade de creación.
Nos espazos en que se dan conta dos libros galegos esto non ten lugar.

Concordo con Pawley na apreciación da obra de Caneiro, pero hai que admitir que esa apreciación non está suficientemente desenvolta, polo que corre o perigos de ser utilizado polos argumentos contrarios; aqueles fans de Caneiro, como que é custión de gustos, ou de revelación, uns ben un xenio e outros unha burra.
Eu vexo unha burra, pero gostaríame demostralo, aínda que sei que non hai peor cego que o que non quere ver, mais neste caso terían non só que afirmar que non ven, senón que terían que pechar os ollo., e imaxinar.
O problema é porse, e se paga a pena, porque o tempo que é limitado, prefiro adicarllo a desvelar aquelas obras nas que aprecio valores e non malgastalo con con absalón e as súas burras.



10
De: mommsen Fecha: 2008-08-21 23:53

Pero foi o "ton" o foi o "contexto"?
Quen falou de escándalo? Só estou "contextualizando" ó mestre Rivas.
Por certo, por que ""prescindir dun colaborador"" vai entre comillas?
Boas noites.



11
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 00:06

Non, é unha cuestión de ton, o que emprega Echevarría para definir a súa posición nun contexto: A este respecto, la novela sólo vale como documento acrítico de la inopia y de la bobería -de la atrofia moral, en definitiva- que no han dejado de consentir y de amparar, hoy lo mismo que ayer, de forma más o menos melindrosa, el desarrollo del terrorismo vasco, reducido aquí a un conflicto de lobos y pastores, un problema de ecología lingüística y sentimental, al margen de toda consideración ideológica.

Vostede "contextualiza" ao mestre Rivas dicindo que non asinou unha declaración ambigua dunha serie de persoas que dicían estar preocupadas pola liberdade de expresión no grupo Prisa. Polo que parece, Rivas non tiña esa preocupación: vese que non sentía a súa liberdade en perigo. Os outros, no fondo, tampouco, pois seguiron escribindo nese xornal. Acabouse o conto. Echevarría deixou de escribir en El País, igual que moitos outros columnistas deixaron de escribir noutros xornais. Non me parecen mal as declaracións de apoio, mais tampouco as vexo necesarias.



12
De: Mingos Fecha: 2008-08-22 01:17

Unha empresa ten todo o dereito a prescindir dos seus traballadores. O problema é como e por que. Unha empresa pode botar a un empregado por ser negro, muller...
É absurdo que unha empresa xornalística pida a un profesional, critico literario neste caso, que faga o seu traballo con profesionalidade, que aplique o seu saber e que deseguido lle diga a quen ten que aplicarlle o saber en positivo e a quen en negativo.
O Pais, pode legalmente botar a unha pesona por exercer a profesionalidade pola que foi contratado, pero non é lexítimo, miro como se mire, dende que ao intelectual se lle supón un compromiso ao menos coa liberdade de expresión

Os demais intelectuais do periódico deberían denunciar esta conculcación do dereito, pero xa se sabe que os favores por algo se fan, e todos sabemos o que lle debe Rivas ao grupo Prisa.

É público e notorio, ao menos entre escritores españois e algúns galegos, que a última novela de Rivas adoece de demasiadas cousas, comezando pola verosimilitude e rematando por doce estilo tirando a cursi.
Pero amigo, o colchón Prisa, apresurase a suavizar a caida.



13
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 01:20

A empresa pediulle ao crítico un artigo sobre a novela de Atxaga e publicouna sen censura. A partir dese momento, a empresa decide non seguir contando con ese columnista. Onde está a conculcación de dereitos?

É público e notorio entre escritores e críticos españois e galegos que a última novela de Rivas é magnífica.



14
De: mommsen Fecha: 2008-08-22 11:40

A publicación da crítica do sr. Echeverría foi un erro, querido Martin. Parece que nese momento estaba de vacacións a persoa que tiña a potestade de face-lo "traballo de edición".
"El hijo del acordeonista" foi o lanzamento editorial do ano de Alfaguara e Babelia, claro, dedicoulle a portada ó ínclito escritor. No interior atopamos unha entrevista bastante melosa e a crítica "Una elegía pastoral" do señor Echeverría ( É ben certo que, aparte de "contextualizar" ó autor, os extractos da novela non teñen desperdicio: " los osos: tan inofensivos, tan inocentes, tan hermosos"...vaia, é difícil sacar de contexto uns "lexemas" coma estes..non, Martin? ).
Di Ignacio que antes de encomendarlle o traballo preguntáronlle a opinión que lle merecía o tal Atxaga..." es un escritor que sigo hace tiempo" creo que foi , maís ou menos,
a resposta. Un tanto tibia, penso eu. Eles pensaron que o tiñan todo atado e ben atado. Non foi tal.
Despois do fiasco do 4/9/2004, improvisan un gabinete da crise no que movilizan, entre outros, ó Mestre ( que tamén é máscarón de proa de Alfaguara).
O artículo, publicado dúas semanas despois, titúlase "La felicidad clandestina" e nel di o Mestre ( Paga a pena lelo para saber de que falan cando falan de literatura para adolescentes):" Si un libro es un lugar especial, y éste lo es (refírese a outro), la siguiente parada para mí en estos "días intensos" (Non, aquí Rivas non é irónico) fue El hijo del acordeonista...".
Como di Mingos, "o colchón Prisa apresúrase a suavizar a caída".
Rematando xa co conto: Rivas foi públicamente o mamporrero de Prisa. (Tamén De Toro, ocorre que da moita pereza buscar agora os artigos de Susote e nun día de sol coma este...). E estas mostras de fidelidade páganse xenerosamente. Cebrián proveerá y Cebrián proveyó.
Teño que recoñecer, Martin, que son unha persoa bastante prexuízosa. Na eso mandáronme ler algún libro do Mestre e de Susote así que, polo que me tocou, teño "contas pendentes" con eles. Por exemplo, conservo en oro en paño un artigo do "guardia de corps" de Prisa Juan Cruz no que pedíndolles a varios "artistas" e "artistos" coruñeses unha definición da cidade vai o Mestre e solta esta perla "Coruña es un pez que ríe".
Despois deste esforzo estilístico seguro que Manolo quedou sen "lexemas de simpatía" por uns días.
Resumindo: En canto a corporativismo todo o mundo, incluido Caneiro e vostede,( e aquí abofé que tes razón), fai ben en referirse ó Rivas como O MESTRE.



15
De: Mingos Fecha: 2008-08-22 12:12

Temos informacións diferentes, e apreciamos de xeito distinto a novela de Rivas, señor Pawley. Sinceramente, dubida moito, agora, das súas reseñas,xa que por a parir, a xentes, como Caneiro, cousa coa que coincido, e de seguido soltar o de "magnífica", e obviar algunhas críticas a novela de Rivas, paréceme excesivamente tendencioso, e contaminados de simpatías que nada teñen que ver coa literatura. Porque, amigo, con todo estamos a falar da mesma obra.
Suavice as súas criticas-reseñas, para coller algo de mesura, ou cale, porque coincidindo con vostede nalgunhsa apreciacións, repito, escandalízame a súa inopia literaria, non sei se por ignorancia, ou por corporativismo amigista.



16
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 14:04

Pois, si, Mingos, temos informacións diferentes sobre a novela de Rivas. Eu dígolles as miñas: Premio da Crítica Galega e Española, Premio da Asociación Galega de Editores, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Libro do Ano para o Gremio de Libreiros de Madrid... Na escolma dos mellores libros do ano que fai El Cultural que edita El Mundo a novela de Rivas apareceu entre os dez mellores do ano propostos por tipos tan esixentes como Ricardo Sinabre, que tampouco falara precisamente mal de El hijo del acordeonista: "Pero Atxaga posee dotes considerables de escritor, y es capaz de crear personajes sólidos, creíbles y consistentes". Entre os escritores galegos que dixeron marabillas d'Os libros arden mal temos a Xabier P. Docampo (Premio Nacional en 1995), Miguel Anxo Fernán Vello, Agustín Fernández Paz ou Marcos S. Calveiro. Agradecía que me dese algúns exemplos de críticos e escritores que de maneira pública lle sacaron defectos á novela de Rivas. Se os reproches sucederon no ámbito privado, non me interesa: a xente en privado di moitas cousas que logo non se atrevería a reproducir diante dun micrófono ou dunha folla en branco.

Non lle nego a miña simpatía por Manuel Rivas, que entra na listaxe das persoas que coñezo, mais non na daquelas das que me podo considerar amigo. Coñecer, de feito, tamén coñezo a Caneiro (el a min seguro que non), e temos non poucos amigos comúns. Non lle gardo, pois, especial inquina, nin antipatía, a Caneiro; nin lla gardo a Queipo, un supoñer, a quen non coñezo, e ao que me unen tamén varios amigos comúns. Da mesma maneira a miña relación con Teresa Moure non vai máis alá de vinte minutos de conversa, e o mesmo acontece con Alberte Pagán, de cuxos libros falei favorabelmente en ProTexta. Explícolle isto (e non tiña por que facelo) para que entenda que a acusación de corporativismo amiguista, neste caso, non encaixa.

mommsen, o de que "foi un erro" é cousa que di vostede, e que supoño debemos crer como acto de fe, sen probas que acrediten a veracidade desa afirmación. Antes do affaire Atxaga, Echeverria xa publicara artigos críticos con libros publicados por Alfaguara. E en calquera caso, non perdamos a medida das cousas: dicir que o de Atxaga era "o lanzamento editorial do ano" é un exceso. Que tivesen especial interese, non llo discuto nin llo nego, mais pensar que un libro de Atxaga vai rachar coa pana na editora que saca os libros de Vargas Llosa, José Saramago, Susan Sontag, Carlos Fuentes, Javier Marías, Arturo Pérez-Reverte, etc, é ser un pouco inxenuo.

Non vexo que ten de raro que Rivas escriba un artigo a favor da novela de Atxaga: fíxoo porque que lle gustou. O'Mestre, calificativo que como sabe eu lle dedico a Docampo e non a Rivas, estaba naquela altura igualmente encantado coa novela. Unha moi boa e premiada escritora, ben coñecedora da realidade vasca, e cuxo nome omitirei por discreción, non estaba, porén, tan satisfeita: eu escoiteille obxeccións literarias moi razoábeis á novela de Atxaga (que por certo eu abandonei ao cabo de cen páxinas, sen ganas de retomala). Opinións razonadas a favor e en contra vainas haber sempre. Sobre Atxaga, sobre Rivas, e sobre Caneiro. O importante é aprendermos que falar ben/mal dunha obra non é o mesmo que falar ben/mal do autor.



17
De: mommsen Fecha: 2008-08-22 18:37

...Desculpas polo de Mestre. Dada a efusividade coa que acolleu a "novelísima"...deixeime levar...
Claro, non foi un erro. El Pais argallou todo isto: laissez-faire, despido...e Rivas e Susote ó rescate só para realzar o lanzamento... Agora que o di, ó mellor ata ten razón, cáspita...
"fíxoo porque lle gustou". De seguro. As liñas que extractaba Echevarría na súa crítica casan moi ben co estilo saudoso do Rivas. Esperemos que cando Babelia faga algunha crítica negativa dun libro saia Manolo prestissimo dá-lo placet.
"O importante é aprendermos..."
Aplíquese o conto en canto á "liturxia" crítica.
Non sei quen é Ricardo Sinabre. Semella que eloxiou a Atxaga e Rivas. Ergo: É un mal crítico. E esto si é un acto de fe.



18
De: Mingos Fecha: 2008-08-22 18:55

Afina vostede moi ben Pawley cando di
"Se os reproches sucederon no ámbito privado, non me interesa: a xente en privado di moitas cousas que logo non se atrevería a reproducir diante dun micrófono ou dunha folla en branco."
Teño escoitado opinións creo que acertadas sobre as deficiencias de Rivas como escritor de críticos e autores, se ben é certo que no ambito privado, do que vostede non quere nada saber.
Mais aínda que non queira, existe isa opinión subterranea que se contradí coa listaxe de premios que segundo vostede miden a calidade literaria, (Viva,Dickey).
Pero dícia que afina, e eu neso concordo con vostede, esas críticas deberían facerse públicas, pero hai pouco valor, moito interés, ou DESASIADA tonteria.
Eu afirmo que Rivas está sobrevalorado, non nego o seu acabado, pero é un escritor, aclarándonos, mediocre. Hainos mellores, independente da "prisa" coa que queiran asentalo na hornacina. Pero quen sinala a desnudez do rey, quen lle pon o axóuxere ao gato?
Eu penso que o fará a maioría de edade da nosa crítica, habera que agardar algo mais.
Un saudo e siga, que con todas as eivas, é do mellor e mais clao que se pode ler sobre a nosa literatura recente.



19
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 15:31

Non, mommsen, pode ser todo moito máis sinxelo: El País publicou o que tiña que publicar, e no sucesivo decidiron que non había oco para os artigos de Echevarría. É unha posibilidade, a que eu escollería aplicando o criterio aquel de Occam e a navalla. Para a súa información, Ricardo Senabre é un dos críticos de El Cultural, e Catedrático de Teoría da literatura e Literatura comparada na Universidade de Salamanca.

mingos, eu tamén escoite no ámbito privado opinións negativas sobre Rivas; mais se non se reproducen logo noutros espacios, é como se non existisen (as barras dos bares xa sabemos como son: chagan a dicirse cousas que logo un non se atrevería a repetir). E non creo que sexa cousa unicamente de valor para facelo; ás veces sucede que quen expresa esas críticas tampouco está moi seguro sobre o que di.

En calquera caso, cómpre insistir no feito de que facer unha valoración negativa dunha obra non implica facer un desprezo do seu autor. Parece que isto aquí en Galiza non se acaba de entender ben de todo.



20
De: mommsen Fecha: 2008-08-23 19:43

Occam máis unha inxenuidade case malthusiana.
Para aqueles interesados nunha explicación sesgada ( non supervisada por catedráticos, críticos, editores...oséase, a xente libre da polis )cómpre consulta-lo volume "Trayecto" do señor Echevarría, sobre todo o extenso prólogo. Mágoa que non estean tóda-las "críticas de destrucción masiva".

Unha cousiña, Martin. Cal é a razón de que "Catedrático de Teoría da literatura e Literatura comparada na Universidade de Salamanca" vaia en cursiva ? Espero que non sexa maxia negra.



21
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 20:38

Non é maxia negra, non; é moito máis sinxelo: esquecín pechar a etiqueta HTML correspondente. Por iso sae en cursiva o de Catedrático..., e todo o que vén despois. Occam e a navalla, outra vez.



22
De: mommsen Fecha: 2008-08-23 20:56

Desculpe. Son unha persoa prexuízosa, como ve.
Ergo:
10) ""Prescindir dun colaborador""?: Occam e a navalla.



23
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 22:06

Xustamente ese é o criterio que levo aplicando ao longo de toda a conversa.



24
De: Mirlo Fecha: 2008-08-26 21:49

Xa está ben de que a tomen con Caneiro. Só saben nomealo para facer escarnio. O seu e o do Levantador de minas é de xuzgado de garda, o único que pretenden é encerretar a xente contra o noso mais grande escritor. Envidia!, pura envidia!



25
De: Alfredo Ferreiro Fecha: 2008-08-28 13:13

Mirlo: Creo que leu as intervencións demasiado á présa. A conversa co señor Caneiro no seu blogue foi claramente mellorando no seu blogue, en parte porque el, que recoñece ser un novato nestas lides, descubriu que na Rede non se despacha a ninguén con dúas palabras. O problema foi quen só estivo por alí para fagocitar o espazo cun ego depredador de ideas.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.62 (14ee4eb600)
Comentario

tradución automática: es pt











axenda cultural



están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

seis anos do prestige


O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley