Antes do(s) concerto(s), o sábado pola tarde,
Alberto Casal e máis eu pasamos pola
FNAC do Chiado coa idea certa de gastar uns euriños mercando discos. Os dous queremos a edición CD + DVD do
Dreams in colour de
David Fonseca, o Tim Buckley portugués, mais segundo nos explican na tenda xa non está disponíbel. Como non hai viaxe a Lisboa
sen casualidades e reencontros, o amábel empregado que nos atende é a mesma persoa que o ano pasado traballaba de chófer no Indielisboa; e non é que me levase en coche varias veces naqueles días, senón que ademais até acabaramos tomando algo xuntos alá na
Lux. Alberto anda detrás de
Rui Veloso, e eu ando por aquí e por acolá recoñecendo as músicas que escoito no
programa de Rogério Gomes. Indispensábel é facerse co elegante rock indie de Sharyar Mazgani: o guitarrista e cantor portugués de orixe iraniana é unha figura de extraordinario valor que acabará abríndose un oco no mercado internacional.
Humanos é a banda que en 2004 formaron Camané, David Fonseca, Manuela Azevedo e Hélder Gonçalves (dos Clã), Nuno Rafael, João Cardoso (Bunnyranch) e Sérgio Nascimento para cantar pezas inéditas do defunto
António Variações, inclasificábel artista cuxa libertaria combinación de música popular e ritmos contemporáneos marcou nos primeiros oitenta unha renovación no páis irmán equivalente á da
movida madrileña e
viguesa en España. Non sei que disco levar dos Dead Combo, así que me deixo asesorar polo empregado da FNAC, que ten por favorito o segundo. E do gran Sérgio Godinho opto polo disco ao vivo
Nove e Meia no Maria Matos, que recolle temas do espléndido
Ligação Directa e polo tanto inclúe ese himno portugués paralelo que é a xenial
Só neste país.
¶