Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > O decálogo do galego
> O decálogo do galego <

Non son o único que o pensa: o mellor Manuel Rivas é o Rivas xornalista, aínda que logo sexa capaz de facer unha obra mestra da novela con tal de levarnos a contraria. Ninguén coma el sabe escribir o relato deste país e deste tempo, en textos gloriosos que levan a súa inconfundíbel pegada, intelixente e retranqueira. O luns presentou na libraría Ler de Santa Comba o seu novo libro, Os Grouchos, compilación dos artigos publicados nas paxiniñas de El País, e alá fun eu, atendendo ao amábel convite de Edicións Xerais. Botei o día enteiro con Rivas e con Xosé Manuel Pereiro; compartín con eles viaxe de ida e viaxe de volta e gocei co privilexio da súa conversa boa e xenerosa. Nos vindeiros días irei subindo imaxes da xornada, mais para empezar aquí lles deixo -lixeiramente desanamorfizada para non perder o costume- a lectura que Rivas fixo á mañá na presentación para a prensa d'O decálogo do galego que abre o volume a maneira de pórtico:




Pola tarde foi Josito quen deu lectura ao texto:




E aquí lles queda o decálogo por escrito, por se se animan a gravar vostedes mesmos a súa versión e colgala en Internet:

O decálogo do galego

1. O paraíso tamén está en Galicia. Non é chauvinismo. Por que imos ter menos autoestima que as inmobiliarias? O que lle fai falta a este país é unha man de pintura coas cores das dornas e un azul de Patinir.

2. Somos fillos da vieira. É dicir, de Venus. En Santiago está soterrada unha deusa adolescente e o Camiño de Santiago foi sempre o da fertilidade, o da comitiva de Dionisio, usurpado pola burocracia do Santo Oficio e a multinacional das Indulxencias.

3. Somos do partido do riso. Aquí, os mortos pásano ben. Chegará un día en que en lugar de crego pediremos un mariachi que cante Pero sigo siendo el rey!

4. Somos larpeiros, a moita honra. Sempre nos din: "Nada de caramelos agora. Cando non teñades dentes, xa comeredes todos os que queirades". Pois imos comer cos dentes as Pedras todas de Santiago.

5. Temos vontade de estilo. Facemos ben o mal e mal o ben.

6. Temos unha lingua propia, moi lírica, moi lercha. E un acento con moitas curvas, afrodisíaco.

7. Somos moi de aldea: só nos interesa o planeta Terra e a estreliña do luceiro, compañeiriña da lúa.

8. Somos sentimentais, que pasa? A ver quen ten collóns a chorar como choramos nós!

9. Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d'Os pinos, supera en todo o God save the Queen.

10. Seremos os últimos en marchar deste lugar. Chegaremos tarde ao Xuízo Final.

Manuel Rivas

para saber máis:
274 quilómetros por unha débeda con Manuel Rivas (Jaureguizar)
De Grouchos e Harpos (Calidonia)
O decálogo, nos blogs de Folerpa, Pablo Carballada e Manuel Rivas (Uz).

2008-06-25, 01:31 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58187

Comentarios

1
De: Manuel Rivas Fecha: 2008-06-25 02:10

Antes de nada, supoño que resutará evidente que eu son outro Manuel Rivas, pero, por se acaso, dígoo.

Ó lío. Coincido bastante co decálogo, pero máis ca túa apreciación da superioridade do Rivas-xornalista sobor do Rivas-novelista. Por se non os liches, cousa que me estranaría, recoméndote (recoméndovos) dúas lecturas do Rivas-xornalista: "El periodista es un cuento" (eu téñoo en castelán, non sei se hai edición en galego) e "Galicia, Galicia". Ambos son recopilacións de artigos. O primeiro é máis ben lírico; o segundo, humorístico; os dous máis que recomendables.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2008-06-25 02:32

Advirto que tamén me gusta moito o Rivas narrador (e o poeta), mais agradezo o optimismo, o humanismo e mesmo a lixeireza (que non superficialidade) dos seus artigos e columnas de prensa. Rivas deféndese ben en xéneros e formatos moi diversos porque é un magnífico escritor, e ademais é boa persoa, cualidades esas que a min me parece que están estreitamente vencelladas.



3
De: Breogán Fecha: 2008-06-25 12:04

Menuda sarta de sandeces, meu Deus...



4
De: El PaleoFreak Fecha: 2008-06-25 12:21

Sen dúbida, o mellor que ten escrito Manuel Rivas polo de agora es Paleopolítica,
Se ben eu non o entendo...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.62 (14ee4eb600)
Comentario

tradución automática: es pt











axenda cultural



están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

seis anos do prestige


O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley