Mañá xoves 22 de maio ás 19:30 na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), tertulia sobre a obra de Ousmane Sembène por mor da edición en galego da súa novela O xiro postal. José Manuel Sande e máis eu falaremos dos filmes do director senegalés e do insuficientemente coñecido cinema africano en xeral.
Ousmane Sembène
Falar de cinema africano é falar de
Ousmane Sembène. Non me refiro xa á súa condición pioneira como autor dos primeiros filmes nos que a África negra falou coa súa propia voz; falo máis ben da súa vontade explícita de usar o cinema como vehículo para transmitir mensaxes á poboación de todo o continente, non só a do Senegal onde naceu, pasando por riba das fronteiras debuxadas con regra polas potencias coloniais. A figura de Ousmane Sembène ten, si, unha evidente connotación patriarcal, mais trátase dun patriarca revolucionario e valente, que criticou con audacia as estruturas caciquís que coutan toda posibilidade de progreso e se enfrontou ao poder político, económico e relixioso que se atopa sempre detrás delas.
Decidiuse a facer películas nos anos sesenta, nunha viaxe de volta a África que para el tivo moito de iniciático. Naquela altura xa desenvolvera unha importante carreira como escritor, e o seu nome gozaba do respecto e o recoñecemento dos máis valiosos intelectuais do seu tempo, mais o que el procuraba non era o eloxio da esquerda francesa, senón que o seu pensamento chegase da maneira máis eficaz posíbel aos seus compatriotas. “O meu primeiro obxectivo é chegar ao público africano”, explicaría logo. “Europa e América non son as miñas referencias -non son o centro do mundo. Sei que existen, e estou moi feliz de que os europeos vexan os meus filmes, aínda que sei que eles só comprenderán a metade do que contan”. Esa visión utilitaria xa estivera presente na súa decisión de empezar a escribir. Autodidacta e cunha permanente curiosidade polo coñecemento, Sembène foi un usuario entusiasta das bibliotecas do Partido Comunista e da Conferencia Xeral dos Traballadores, e lendo nelas as grandes obras do seu tempo comprendeu que ningunha falaba da súa terra. O único que había sobre África era un mapa, dixo algunha vez, e por iso deu en escribir el mesmo os libros que até ese intre ninguén fixera.
Nunha
entrevista na revista
Cinema-Scope por mor da estrea de
Moolaadé, que Sembène acabou con oitenta e un anos, Ray Pride dicíalle que seguía parecendo un mozo optimista. “Non creo que haxa nada máis fermoso que a vida”, respondeu, “mais tes que ser quen de compartila”. Así era Ousmane Sembène: solidario e combativo, mais tamén alegre e esperanzado, un creador extraordinario en cuxa obra sempre asoma a pegada do seu profundo compromiso cívico.
Ousmane Sembène en galego
Até a publicación d'
O xiro postal por parte da editorial
Rinoceronte, a obra literaria de Ousmane Sembène permanecía inexplicabelmente inédita en España. A tradución ao galego de
Le mandat feita por Isabel García Fernández é, pois, a única vía para achegármonos a un autor que xa era aclamado como novelista antes de botarse a facer filmes. O xiro postal do título é o que lle envía un inmigrante senegalés en París ao seu tío que vive en Dakar. As dificultades para cobrar o xiro do protagonista, vítima do rigor e as paradoxas dos procedementos burocráticos, e a cobizosa presenza da veciñanza, á espreita duns cartos nos que ve a saída de todos os seus males, son os eixos argumentais dunha novela que foi levada ao cinema polo propio autor (
Mandabi, 1968), co recentemente falecido
Makhouredia Gueye como actor principal.
Cronoloxía
1923: Nace o 1 de xaneiro na vila de Ziguinchor, no sur de Senegal.
1936: É expulsado do colexio francés no que estudaba despois dun altercado co director.
1938: Chega a Dakar, onde traballa como albanel e carpinteiro.
1944: Incorpórase ao exército francés como tirador. Loita na liberación de Francia da ocupación alemá.
1947: De volta a Dakar, participa na folga do camiño de ferro Dakar-Níxer e toma aínda máis conciencia da inxustiza do réxime colonial.
1948: Embarca a Francia como polisón. Traballa en Marsella como estibador portuario.
1956: Edita a súa primeira novela,
Le docker noir (O estibador negro).
1960: Publica
Les Bouts de bois de Dieu, que o converte nunha figura valorada polos intelectuais de esquerda da época.
1963: Dirixe
Borrom sarret, curtametraxe de estilo neorrealista que recibe un premio no Festival de Tours.
1964: A curtametraxe
Niaye é premiada no Festival de Locarno.
1966:
La noire de... obtén o Premio Jean Vigo.
1968: A Mostra de Venecia proxecta
Mandabi, o primeiro filme rodado nunha lingua africana.
1971:
Emitai é premiado no Festival de Cinema de Moscú.
1974: Estréase un dos seus maiores éxitos,
Xala, unha sarcástica crítica á nova burguesía que triunfa grazas a un sistema corrupto.
1977: Dirixe
Ceddo, crítica ao imperialismo relixioso que permaneceu oito anos prohibida en Senegal.
1989:
Camp de Thiaroye, co-dirixida por Thierny Faty Sow, leva o Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia.
1992: Premio en Venecia para
Guelwaar, sátira sobre o enterramento por erro dun líder cristián de acordo aos preceptos do Islam.
2000: Explora a situación da muller no Senegal contemporáneo en
Faat Kiné.
2004:
Moolaadé obtén o premio Un certain regard no Festival de Cannes. É o único filme de Ousmane Sembène distribuído comercialmente en España.
2007: Morre o 9 de xuño en Dakar.
Artigo para o número 5 da Revista do Audiovisual Galego
¶