CINCO ANOS BLOGUEANDO! (if you've got a blacklist, I wanna be on it)
Inicio > Historias > O xenio hai que traelo de casa
> O xenio hai que traelo de casa <

Este post non é meu senón dunha amiga, pero compártoo ao cento dez por cento, como din os entrenadores de futebol. Unha boa resposta ao artigo do alegre poeta e editor:

Estimado Miguel Anxo,

Leo na versión dixital de Galicia Hoxe o artigo onde recolles algunhas das críticas que ultimamente se veñen facendo ao amplo debate que, sobre diversos aspectos da actualidade cultural galega, non diría eu da cultura, está a ter lugar na rede das redes, e en particular no seo dos blogs. Como a sección que acolle a túa colaboración leva por nome Caderno Aberto, aínda que non encontro en lugar ningún a ligazón onde deixar a miña opinión sobre a túa en relación con este tema, permítome debater algunhas das ideas que apuntas no teu discurso.

Concordo coa definición que propós de debate e é por iso que non acabo de comprender a túa critica ao ámbito dos blogs. Sen ser a miña unha moi frecuente participación na comunidade de que estamos a falar, non teño constancia dese "sospeitoso anonimato" que denuncias. Os heterónimos existiron e existirán sempre na expresión pública da palabra mais entendo que non implican no caso dos blogs ocultación de identidade senón preferencia polo debate de ideas, ese que dis botar en falta e que eu creo que, se non existiu nos últimos anos, non foi tanto por falta de debatentes como pola ausencia de foros, alén das tabernas, onde levalo a cabo. Dito claramente, porque hai popes da cultura galega que non queren que outros digan o que eles non dirían.

Moitas veces levo lembrado aquel desagradábel incidente acontecido no Congreso de Escritores Novos ao que os dous asistimos en Compostela hai uns anos. Para quen non coñeza a anécdota direi que Rafa Villar participou coa lectura dun manifesto que, entre outras cousas, dicía "Matar o pai e enterralo en cal vivo para lembrar os versos con que nos unxiron", en clara referencia ao proceso de superar, separarse dos mestres no sentido de emprender o camiño propio, por outro lado imprescindíbel para deixar de ser imitador e converterse en escritor.

Naquel momento Uxío Novoneira, sentado a escasos metros de min, durmía pracidamente e non puido escoitar a voz do Rafa, mais alguén debeulle ir contar con celeridade unha interpretación moi particular do que alí oíra porque, cando lle chegou o momento de clausurar o congreso, Novoneira tomou a palabra en ton iracundo e reprendeu duramente a un Rafa que non daba crédito ao que estaba a escoitar e por extensión a todos os mozos e mozas que aspirabamos ou comezabamos a ser escritores. Dixo que non habíamos de estar alí se non fose por todo o que levaban loitado os escritores consagrados e que debiamos ter unha actitude humilde, respectuosa e admirativa con eles.

Durante un tempo houbo debate: uns cantos escritores profesionais debateron sobre a actitude tan irrespectuosa que moitos escritores novos tiñan cara aos seus mestres. É iso debate?

Os encontros de blogueiros e blogueiras son habituais e públicos e a entrada é sempre libre. Só quen non participa en grao ningún pode facer afirmacións como a túa e, se non participas, por que o interese en criticar algo que non merece a túa atención? Porque fica escrito en lugar de ser levado polo vento? Suxíroche que non te fíes do que che poidan contar e anímote a que satisfagas a túa ansia de debater participando de cando en vez en algunha das moitas salas de tertulia do Blogomillo (o conxunto dos blogs escritos en galego).

Indígnaste porque “as descualificacións, o desprezo ruín a un contrario, o anonimato onanista, a debilidade argumental, os pequenos odios e outras patoloxías individuais” actúen sen control nun medio que tamén non o ten, á marxe das “consabidas e honrosas excepcións”. Xa gostaría eu de saber cales esas excepcións a que te estás a referir, porque moito me temo que non habían de coincidir ao cen por cen coas miñas, que habían ser, sospeito, moitas máis. E sen embargo non acho entre todos os pecados mortais que sinalas ningún que non sexa habitual nas multinacionais da comunicación. Paréceme tan descualificativo como os feitos que denuncias, tan desprezativo para a miña intelixencia, tan onanista e feble argumentalmente ensalzar e promover publicamente presuntos cracks da literatura e a alta intelectualidade, cando a súa obra pode ter un valor artístico máis que discutíbel, como xa teñen argumentado recentemente varios autores consagrados, ou defender organizacións que se dedican a patear verbenas armadas de notarios para “empapelar” músicos cuxo delicto é promocionar as composicións de moda, so o pretexto de aseguraren as pensións dos artistas.

Aínda máis, na rede, e porque a comunidade blogueira así o desexa, existe sempre e para calquera a posibilidade de dicir a última palabra, ou a penúltima, ou a última... e así até o infinito.

Creo firmemente que cunha miga de talento, algo que por certo non abonda tanto como se nos quere facer crer, e a pouco que un se mova nos círculos adecuados, é moi fácil na Galiza de hoxe tirar un beneficio económico considerábel das “accións culturais”: libros, colaboracións en revistas, prólogos, recitais, conferencias, mesas redondas, reseñas e un longo etcétera. Esta é a verdadeira diferenza entre a cultura oficial dos subsidios da sociedade subsidiaria e a comunidade formada por individuos con nome, apelidos e en moitos casos heterónimo iguais na rede, unha casa que ofrece a todos os inquilinos os mesmos instrumentos.

O xenio hai que traelo da casa.

Táti Mancebo

2005-12-03, 00:58 | 14 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/35285

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-12-03 01:09

Pego aquí o artigo enteiro de Miguel Anxo Fernán Vello, porque non sei canto tempo fican colgados na rede os contidos de "Galicia Hoxe":

CADERNO ABERTO
Ausencia de debate
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Unha das esixencias formais necesarias para que poidamos falar da existencia dun verdadeiro "debate" consiste en exercitarse na expresión oral, fundada e con elementos de xuízo, e ao mesmo tempo na "escoita" desa exposición, sempre con respecto cara as concepcións do outro. Existen entre nós os verbos debater e rebater, sendo así que a palabra "debate" vén do verbo latino "batuere", que expresa a acción de golpear repetidamente, con enerxía e ao mesmo tempo con certa harmonía, sobre algo; de aí talvez o "bater" das voces, en dúas direccións, que se produce no debate. ¿Existe entre nós debate político? Á vista están os feitos. No Parlamento galego aínda non queceron os motores como é debido –isto acontecerá a partir de febreiro de 2006– e no Congreso dos Deputados o debate adoita ser substituído –vexan aí a quente e fachendosa oposición–, pola liorta permanente, polo ruído doentío dos improperios e pola batibarda organizada. ¿Viron vostedes a través da televisión o "debate" sobre o "Estatut" celebrado na madrileña Carrera de San Jerónimo? Claramente, aí non houbo debate. Houbo máis ben superposición de monólogos e a solitaria oposición optou tamén polo "bater" das cordas vocais, tantas veces obsceno, para descualificar o contrario. Mais eu quería falar da ausencia de debate, diálogo e intercambio intelixente de ideas no mundo cultural e literario galego. Neste eido da nosa realidade o asunto resulta preocupante. No único territorio onde "bule" algo a exposición de temas unida ao diálogo e ao debate é nos chamados "blos". Mais neste medio adóitase practicar –coas consabidas e honrosas excepcións– un sospeitoso anonimato que di moito da psicoloxía persoal dos expositores e debatentes. As descualificacións, o desprezo ruín a un contrario, o anonimato onanista, a debilidade argumental, os pequenos odios e outras patoloxías individuais choutan no universo blogueiro con suprema facilidade. Aí tampouco hai debate. O debate esixe a cara descuberta, o nome transparente e a palabra lúcida e limpa.



2
De: ifrit Fecha: 2005-12-03 04:25

Non é algo que diga moi a miudo, pero... amén (ó artigo de Tàti Mancebo)



3
De: Venancio Fecha: 2005-12-03 10:55

O ardoroso defensor do debate público Fernán Vello vetou, por exemplo, o Cartafol de Libros de Vieiros porque algunha vez lle publicaron unha crítica negativa. Curiosa disposición ao debate público, sobre todo cando se trata do presidente dos Editores.



4
De: Tati Mancebo Fecha: 2005-12-03 11:07

Agradezo sinceramente ao amigo Pawley a súa hospedaxe para esta carta, resposta a unha outra de Fernán Vello, enviada e non publicada en Galicia Hoxe.



5
De: Vendell Fecha: 2005-12-03 11:16

Agora xa entendo a teima co anonimato. Rexeito todas as críticas de MAF-V, agás a de onanista, claro.



6
De: peke Fecha: 2005-12-03 16:45

Que lle deu para emprendela así?



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-12-03 21:41

Non sei, peke: tería un mal día. Ao mellor é que leu as cifras de ventas da súa editorial, quen sabe.



8
De: Kamikaze Fecha: 2005-12-05 13:53

Todos somos Táti Mancebo.



9
De: pico xeado Fecha: 2005-12-05 16:02

Eu non



10
De: Kamikaze Fecha: 2005-12-05 16:28

Quen es? Natalie Portman? Como quedamos?



11
De: Pico Xeado Fecha: 2005-12-06 00:14

Non, son Pico Xeado. Porque quedar comigo queres ti?



12
De: Silverio Fecha: 2005-12-06 03:09


Un impresentable. O Vello ten menos sentido que un chincho. ¿E agora quere promulgar unha lei de liberdade de expresión? Cando non tolera que se lle critiquen uns versos ou se cuestione a calidade "artistica" dos seus amigos. Este tío é un paradoxo.

En mans de quen temos a nosa cultura, manda carallo.

Por certo ¿non atoparon unha foto máis decente, mete pánico?



13
De: Arduina Fecha: 2005-12-14 10:24

http://www.galicia-hoxe.com/index.php?option=com_content&task=view&id=11444&Itemid=37
:D



14
De: Táti Mancebo Fecha: 2005-12-14 10:50

Ah, que ben! E agora admite comentarios. Pois vou comentar!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.18 (90d586d65a)
Comentario

tradución automática: es pt












doa os teus órganos!



axenda cultural

están vivos!



os arquivos estranhos


cuestionario Proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

cinco anos do prestige

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

© Martin Pawley